A EXPOSICIÓN

“GALAICOS. Un pobo entre dous mundos” é unha exposición onde as e os visitantes poderán gozar dunha viaxe polo rico patrimonio cultural ligado á historia das Rías Baixas e de Galicia. Durante o percorrido móstrase, a través dunha selección dos obxectos arqueolóxicos máis representativos, a evolución que se produce durante un longo período de 2.000 anos, desde a prehistoria ata a antigüidade tardía. O eixo atlántico do noroeste peninsular, onde se sitúan As Rías Baixas, é un territorio de gran actividade comercial onde converxen tradicións culturais e unha das zonas de España cunha maior densidade de xacementos arqueolóxicos.

Esta viaxe lévanos ata as relacións comerciais e culturais entre os pobos galaicos e outras áreas e aos cambios que estas foron experimentando desde a Idade de Bronce ata a crise do Baixo Imperio. A exposición mostra as formas de vida daquelas sociedades na fachada atlántica e o impacto que puideron exercer nelas outras culturas, xunto coa transformación do territorio. A península Ibérica, pola súa situación xeográfica, foi desde a prehistoria un espazo de encontro entre dous mundos: o atlántico e o mediterráneo, coas súas correspondentes achegas culturais. O pobo galaico atopábase nunha excelente posición xeográfica para as conexións marítimas, interactuando coas culturas atlánticas pero tamén coas de orixe mediterránea, o que se demostrou a través das últimas investigacións arqueolóxicas e do material achado nas escavacións dos xacementos. “Galaicos” é unha exposición itinerante que se inaugurará no Museo Arqueolóxico Nacional (MAN) de Madrid o 31 de novembro de 2018, para posteriormente visitar outros museos españois como o Museo de Pontevedra e o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Valencia, onde poderá visitarse entre os meses de marzo e setembro do 2019. Trátase dunha exposición que pon en valor a cultura galaica a través de máis de 70 obxectos arqueolóxicos representativos, algúns inéditos en Pontevedra, e outros de excepcional relevancia.

É unha exposición didáctica e visual que non deixará indiferente a ninguén, pola súa monumentalidade e o seu impactante fío condutor, no cal a presenza na paisaxe do vasto patrimonio arqueolóxico dos seus xacementos máis emblemáticos levará ás e aos visitante a vivir e coñecer en profundidade a riqueza arqueolóxica e cultural das Rías Baixas durante todo o ano.

E para vivir máis de preto todo este intenso e apaixonante destino arqueolóxico… nas Rías Baixas espérante…

XACEMENTOS únicos , restaurados e postos en valor…

Brazalete A LanzadaXacemento de Santa Trega (A Guarda)

O xacemento de Santa Trega, que controla a desembocadura do río Miño, trátase dun poboado galaico-romano ocupado desde o século IV a. C. ata o século I d. C. O seu sistema construtivo reflicte a tradición castrexa, na que predominan as construcións circulares cunha arquitectura defensiva e doméstica. A área ocupada por esta cidade alcanza as 20 hectáreas, o que o converte nun dos maiores castros atopados en terras galegas, aínda que soamente se escavou ata o momento un 5 % da súa superficie total. Unha área do poboado caracterízase polas casas-patio, formadas por distintas estancias agrupadas ao redor dun patio. As familias deste barrio manexaban un enxoval doméstico marcado pola presenza masiva de cultura material romana. As cabanas aséntanse directamente sobre a roca nai, os seus muros están recubertos de cal e area e no seu interior algunhas posúen bancos encastados. Entre os anos 2015 e 2016 realizáronse importantes achados, como unha cabeza pétrea, ánforas e lucernas romanas, pezas de Terra Sigillata, fragmentos de labras decoradas, o cunco millefiori (único no norte de Península), un puñal lexionario, o remate dun torque de ouro e máis de 42.500 pezas. Santa Trega é, sen dúbida, un dos legados patrimoniais máis importantes das Rías Baixas e de Galicia.

O xacemento da Lanzada en Sanxenxo non se trata dun castro, se non que é, entre outras cousas, unha factoría de salgaduras que ocupa unha extensión considerable nun emprazamento privilexiado entre as rías de Pontevedra e de Arousa, con boas zonas de fondeo e minas de estaño na contorna inmediata. Atopámonos ante un emporio comercial, sen ningunha evidencia de fortificación, excepcional pola súa arquitectura e con solucións construtivas moi avanzadas e sen parangón no mundo galaico; pola súa actividade económica, con numeroso gando bovino, abundantes restos de équidos e de grandes concheiros que remiten a unha actividade marisqueira especializada. Tamén se documentan pías que se relacionan con parte dunha factoría de salgadura, a primeira deste tipo documentada no noroeste peninsular. Ata hai pouco considerábase que os romanos trouxeran á costa galega este tipo de industria, con todo os achados na Lanzada demostran que os galaicos xa elaboraban estes produtos douscentos anos antes da chegada de Roma. Un dos elementos que converten A Lanzada nun xacemento singular é a súa extensa necrópole. O cemiterio data de entre os séculos II e VI e nel exhumáronse un total de 102 individuos, dos cales 43 poden adscribirse ao período tardío. Pero non só se morría na Lanzada en época tardía. Descubriuse unha gran estrutura rectangular de cachotaría cun pórtico lateral vinculada coa necrópole que data de entre os séculos IV e V e que posiblemente se tratase dunha pequena igrexa.

Brazalete A LanzadaXacemento de A Lanzada (Sanxenxo)
Brazalete A LanzadaMortos Tardorromanos (A Lanzada-Sanxenxo)
Brazalete A LanzadaMonte de O Facho (Cangas)

O miradoiro natural do monte do Facho, situado na península que separa as rías de Vigo e Pontevedra, acolleu ao longo dos séculos distintas expresións. No século X a. C. foi un poboado, desde o século IV a . C. ao I d. C. foi un castro galaico e ao longo dos séculos II e IV d. C. asentouse na cima un santuario en honra ao deus Lar de Beróbriga. Todos estes trazos aínda se conservan a día de hoxe. Este santuario único da Idade de Ferro, onde se desenvolvían diferentes rituais, reflicte a evolución de ritos e crenzas que segue existindo en época romana cando se depositaron centos de altares dedicados a este deus.

 

 

Brazalete A LanzadaXacemento de Castrolandín (Cuntis)

O xacemento de Castrolandín, en Cuntis, foi unha aldea agrícola situada nun esporón granítico ao pé do fondo do val do río Galo. Existe unha vivenda que imita o modelo de casa-patio, formada por distintas dependencias. O antigo acceso ao castro péchase e ábrese cunha nova entrada monumental con torreóns e unha escalinata no extremo noroeste. A familia que a habitou concentra gran parte dos bens de importación de orixe cartaxinés e romano, sobre todo contedores de viño. Os achados do castro mostran a existencia de contactos comerciais, coa presenza de cerámica de orixe púnico e romano, pero tamén producións da Meseta como a fíbula de cabaliño.

 

MUSEOS onde descubrirás tesouros históricos e culturais que che atraparán…

Museo de Pontevedra. Naceu en 1929 co fin de fomentar o coñecemento sobre a cultura galega nas distintas manifestacións do paso do tempo. Inicialmente instalouse nun belo inmoble que data do ano 1760 coñecido como Edificio Castro Monteagudo e posteriormente foi ampliado a outros:

  • O edificio García Flórez, que data do s. XVIII, onde podemos atopar mostras de acibeches, gravados, esculturas relixiosas e unha cociña tradicional galega, así como o despacho do almirante Méndez Núñez e unha reprodución da cámara da fragata Numancia.

  • O edificio Sarmiento, que data do s. XVIII, exhibe fondos arqueolóxicos que van desde a prehistoria ata a época romana, ademais do legado de arte contemporánea e asiático-oriental de Sánchez Mesas-Fernández de Tejada.

  • O edificio Fernández López acolle fundamentalmente obras pictóricas dos s. XIX e XX.

  • As Ruínas de San Domingos tamén forman parte do museo. Son un dos elementos históricos e artísticos máis destacados da cidade de Pontevedra, aínda que se sitúe fora da zona monumental. Os restos deste antigo convento, fundado no ano 1281 pola Orde Dominica, datan dos s. XIV e XV. Foi abandonado desde a desamortización de Mendizábal en 1834 e actualmente conserva unicamente a capela maior e as laterais.

  • O Sexto Edificio supón para o museo unha ampliación de nova construción de 10.000 m2 dedicada a salas de exposicións permanentes e temporais, obradoiros de restauración e un auditorio con capacidade para 250 persoas.

Museo do Mar de Galicia. Posúe unha das máis completas exposicións permanentes relacionadas co mundo do mar e a pesca, que á súa vez se combinan con outras temporais. O espectacular edificio é obra do arquitecto italiano Aldo Rossi, quen visualizou no esqueleto dunha vella fábrica de conservas de Alcabre unha edificación moderna e moi inspiradora. O proxecto foi finalizado polo galego César Portela. Cabe destacar que neste mesmo enclave se atopa o centro arqueolóxico Salinae, que nos permite entender o funcionamento da única instalación de salgadura mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano.

PAISAXES de ilusión que non esquecerás…

A desembocadura do principal río galego, o río Miño, fai de fronteira co veciño Portugal. Desde o nacemento deste río ata a súa desembocadura as mareas e a horizontalidade do terreo permiten a existencia de praderías ás beiras da canle navegable e de illotes. Unha contorna natural única salpicada por observatorios ornitolóxicos, miradoiros naturais e rutas de sendeirismo; a propia desembocadura posúe unha beleza monumental pola grandiosidade do seu espazo, que se pode divisar desde o alto do impoñente monte Santa Trega, onde se atopa o xacemento do mesmo nome.

A Costa da Vela, ademais de polas súas espectaculares praias, entre as que se atopa a praia nudista de Barra, destaca polos cantís de Cabo Home, desde onde o xacemento de monte do Facho domina as vistas desde as illas Cíes ata Fisterra en días claros.

O verde das terras de Deza pode verse desde o castro de Toiriz. Nesta zona destaca o espazo natural das Brañas de Xestoso, situado entre as comarcas de Tabeirós e Deza, que constitúe a mellor representación galega de turbeiras acedas de esfagno, un hábitat extraordinariamente raro e fráxil. Ademais da zona húmida, a peculiaridade deste espazo reside na existencia de diversas especies, como unha pequena poboación de sisón menor, ave característica de hábitats esteparios.

Para máis información sobre o Destino Rías Baixas pódese visitar www.turismoriasbaixas.com